Castelao, Pontevedra e ‘A derradeira leición do mestre’
A derradeira leición do mestre / Castelao
No edificio Castelao do Museo de Pontevedra, do 25 de xuño ao 27 de setembro deste 2026, móstrase A derradeira leición do mestre de Castelao: óleo sobre lenzo de 2 m de alto por 1,36. Cesión temporal do Centro Galicia de Buenos Aires. Sendo esta a segunda vez que tan singular obra volve a Galiza: a primeira foi de outubro de 2018 a xaneiro do 2019, daquela na Cidade da Cultura e na exposición Castelao Maxistral. Mostras co fin de «non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono...» de homenaxear aos mestres da república, así como o acontecido hai 90 anos coa aprobación do Estatuto de Galicia, con tantas ilusións fendidas pola guerra fratricida, con tanto terror e asasinatos, entre eles o de Alexandre Bóveda (1903-1936), economista, político, clave no nacionalismo galego, fusilado no piñeiral da Caeira de Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Castelao dedica a Derradeira leición do mestre a Bóveda, símbolo, de moitos mestres que representaban o futuro e quedaron nas cunetas.
Mostra da Derradeira leición do mestre na que a Deputación de Pontevedra, propietaria do Museo e a dirección deste ofrecen un traballo necesario, actividade que mesmo é lección esencial, de coidado e limpo montaxe, resaltando o exposto sobre o fondo negro: no fronte preside o lenzo, na banda dereita do espectador está a foto e recorte de xornal que dan conta da presentación do cadro o 17 de agosto de 1945, Día da Galiza Mártir, aniversario do asasinato de Bóveda. Acto aquel que contou ademais cun busto de Bóveda en bronce, feito polo escultor Domingo Maza. Foto cun Castelao arrodeado de irmáns na causa, entre eles, Tacholas, vestido ao xeito enxebre, arriba Antón Alonso Ríos (1887-1980), mestre, fuxido, sucesor de Castelao como presidente do Consello de Galiza no exilio, memoria que aínda espera o debido homenaxe. Na outra banda exponse a lámina orixinal (29, 5 X 22 cm,) a nº. 6 do albume Galiza Mártir, realizada en técnica mixta e que Castelao retoma para o lenzo. Seguido, nunha vitrina, o orixinal manuscrito de Co pensamento en Galiza (logo titulado Sempre en Galiza), recompilación de textos, ensaio político, considerado a Biblia do........
