As gaivotas: dos cantís mariños a ser praga nas cidades portuarias
Gaviotas en la ciudad. / LOC
O mundo ao revés, tamén as gaivotas voan desnortadas, trastornadas, adoecidas. Aves omnívoras que xa non lles abonda co mar, coa beiramar e os seus cantís. Invaden as cubertas dos edificios para converterse en praga na cidade. Agora aniñan e crían na altura de casas con vistas aos desperdicios do lixo que as alimenta. Saben dos contedores e das bolsas que a insolidaria incultura deixa a súa beira, as que esnaquizan a picadelas para ciscar o seu contido. Mesmo aprenden a abrir as tapas dos cubos.... Planean e rousean en algareira romaría sobre os vertedoiros. Atacan ás andoriñas, aos cirrios, matan ás pombas para comelas. Os arúspices e meigas de noutrora, seguidores de ancestrais tradicións, moito terían hoxe que dicir
Nome latino da gaivota, derivado de gavia, quizas en relación coa súa forma angulosa , algúns din que é onomatopeico, correspondendo aos seus chíos. Aves migratorias, xa afeitas a seguir o curso de ríos como o Miño e o Sil, corredores na busca dos desperdicios das urbes, até o mesmo Bierzo , chegando a compartir ambiente coas cegoñas e a arriscarse a atoparse con voadores inimigos, a competir na buscar desperdicios, como os falcóns, as aguias, o moucho... Así é que, nesta sociedade do consumo e do lixo, tamén efecto e causa de tantas cousas, mesmo contribuíndo ao acelerado cambio climático, quizais se teñan que revisar os tratados de ornitoloxía e a zooloxía.
Este vértice que emproa ao Atlántico, Galiza, ofrece singulares observatorios de aves, humidais, brañas, encoros; na montaña os Ancares, o Courel, o Suído, o Xurés, o Oribio ou o San Mamede, Trevinca... canóns e ribeiras, fragas como a do Eume, Catasos, Pena Corneira... agras; no litoral puntos como Estaca de Bares, Foz, Cariño, Baldaio, Louro, o Ulla... Silleiro, o esteiro do Miño ou as illas Cies, Ons, Sálvora... concorridos , hide, blind, postos de........
