A destrución do ‘espírito’ de espazos históricos
Seminario de Estudos Galegos, antigos espazos en Fonseca-Compostela. / LOC
Mundo acelerado, onde prima o material, os solares, os aranceis sobre o espírito que é ese herdo inmaterial que pon aura e mesmo pousa sobre lugares. O que non todos saben catar e que axuda á comunicarnos entre nós e co medio. Ven a ser o que chamamos cultura, suma de saberes, emocións, tradicións, relacións, hoxe tentadas polo consumo, para quedar endomingadas en liturxias. Tempo no que o intervencionismo, os innecesarios gastos de afeamento e os egos acometen sobre lugares creados para o encontro, a palabra, a festa... contra paisaxes como contra estancias, locus amoenus para quen teña algo de humanista, de humus, de humano, de humanidade. Espazos co seu genius loci, o espírito, a esencia do lugar.
Sofre a beatería cando no templo falta do seu retablo o santiño ao que confesar penas. Sabemos do desacougo de quen, andado en anos, lle pechan ou mudan o sitio do seu café... Conserva a Igrexa, a milicia e a universidade os seus espazos e os seus ritos: paraninfos, mucetas, birretes, medallas... proba de que a tradición supón seguridade. Aínda que aquí somos conservadores sui géneris: conservamos o que tenta contra a sociedade, mentres destruímos cultura, espazos coa alma que nos define. Pola contra os británicos, coa súas graciosas maxestades, aplícanse moito en conservar espazos, tradicións, conservadores que conservan o que os distinguen. Mesmo onde as vellas bibliotecas protexen os mobles en estilo tudor, georgiano... para harmonízalos cos novos. No Liverpool das ribeiras do Mersey destruíron a Cavern club da orixe de The Beatles, para, de xeito serodio, caer da conta e decatarse da atracción cultural e polo tanto comercial, para reconstruíla noutros sitios e habilitar itinerarios... como en Londres os estudos de Abbey road.
Presume Venecia de conservar —no corazón da Praza de San Marcos— o seu Caffé Florian, mimando a aura que cubriu parladoiros de Casanova, Stendhal, Wagner, Nietzsche, d´Anunnuncio, Chaplin ou Warhol; como en Roma o Caffé Greco dos debates románticos de Goethe,........
