Nos cabalos brancos
E tamén, tamén, do pobo de Lugo ao seu poeta, como pode lerse xunto á data de 1990, cando a RAG lle dedicou as Letras. Nos laterais a súa silueta concentra as direccións do espazo: "Un rapaz miúdo, moi elegante, cun sombreiro negro con cordeliño e bastón de xunco", como o describira o seu íntimo Anxel Fole nun solpor de estío dos anos 20. Bástalle a praza para navegar, para acender unha estrela. A praza que é xardín rente á casa: "Neva sobre a vila, sobre a miña Praza Maior:/ silencio sobre silencio". A súa praza, o seu patio, onde escoitamos a pluma do paxaro, ou a sombra do aire na herba, para un mar que non ten tamaño.
No número 15 desa praza naceu Luís Pimentel no ano 1885. No número 16 morreu no ano 1958, a carón das escalinatas que hoxe levan o seu nome, e nunha casa construída polo seu pai, o arquitecto Luís Vázquez Barreiro, que morre cando el ten 13 anos. Dese pai é de quen nos di lembrar "o vello reló" para nos dar deseguido a imaxe: "Así eran as súas pupilas tamén, gastadas, douradas e tenras".
Pouco tempo pasou Pimentel fóra desta praza, desta cidade. No 1914 marchou a Compostela para estudar Medicina e, a través dunha carta que 40 anos despois dirixiría a Ramón Piñeiro, o poeta teimou anos en dar nun poema a sensación de Galicia na cidade. No 1922 comezou os estudos de doutoramento en Madrid e participou nas actividades da Residencia de Estudiantes, onde vivía o seu irmán, Carlos, que chegou a........
