O novo Vigo vello
Aos meus pais non lles chistaba que con dez anos volvésemos do colexio pola Ferraría. Querían que os dous irmáns baixásemos xuntos pola moi pendente rúa Cachamuíña, bordeando a Panificadora e a Falperra, pola que colliamos a calella das Angustias para chegar a Pi e Margall. Con todo, nalgunhas ocasións acompañamos a un amigo até a súa casa, a primeira de Abeleira Menéndez, rúa que baixabamos até a Cruz Verde para logo coller a esquerda e a todo filispín percorrer a Ferraría toda até saír ao paseo de Afonso. No quiosco falabamos con Concha, que nos deixaba ollar por riba «os tebeos recén chegados de Barcelona». A de percorrer a Ferraría no inicio dos setenta foi unha das travesuras maiores da nosa infancia. E máis aínda cando pasamos por diante dos tres bares da rota dos Cacholis («Café, Chocolate e Licor» «Ca Cho Lis»): o Cacholi da rúa San Sebastián, o Cholica da Ferraría e o Lichoca de Abeleira Menéndez. Unha cadea de puticlubs da mesma familia, coa que chorabamos de risa, sendo tan piadosos.
Aquel Vigo prohibido, a parte alta do Vigo vello, un barrio esgazado pola rúa Calvo Sotelo (hoxe Elduayen) pola que transitaban os tranvías, degradouse de forma brutal durante as dúas........
