O(s) autismo(s). Pasado, presente e futuro (I)
Fundación Menela (FM) foi declarada Vigués Distinguido 2026. En 1987 editamos o libro As voces de mármore. Autismo e Psicoses Infantís en Galicia.(Xerais Universitaria). A publicación era o resultado dunha experiencia ao longo de 11 anos de traballo con nenos/as con autismo iniciada en 1976, nunha pequena casa en Coruxo, con tan só cinco nenos/as atendidos/as, e o seu posterior trasladado a Alcabre (1981), xa como Centro de Educación Especial, onde hoxe se escolarizan 40 alumnas/os. Actualmente, a través da súa Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia Fundación Menela, atende na Área Metropolitana de Vigo a mais de 300 persoas, e nela trallan 130 profesionais.
En 1976 falabamos de autismo e psicoses infantís. Tiñamos como referencia a publicación de Leo Kanner en 1943 Perturbacións autisticas do contacto afectivo. O diagnóstico de autismo/psicoses considerábase propio da idade infantil e recibiría os nomes de autismo infantil precoz, psicoses, esquizofrenia infantil, trastorno xeneralizado do desenvolvemento ata denominalo actualmente Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), acordes coa Guía de Consulta dos Criterios Diagnósticos do DSM-5 (2013), na cal inclúese a síndrome de Asperger. Refén da psiquiatría infantil durante décadas, o TEA pasou de puro e propio da idade infantil a ser contemplado con criterios máis amplos, complexos e como unha condición para toda a vida, pasando de ser un modelo médico a un modelo social.
Os constantes avances no proceso do diagnóstico precoz, a intervención temperá, a educación especial inclusiva ou combinada, os centros de adultos ou os servizos de emprego constitúen oportunidades fundamentais na abordaxe dos autismos. Xa non ollamos a persoa con autismo de forma illada, senón que temos moi en conta o seu contexto, que nos dará unha mellor comprensión, valorando todos aqueles factores que teñan unha influencia importante na súa vida. A súa singularidade forma parte da súa diversidade.
A incidencia dos autismos acada o 1% da poboación! Nunha cidade como Vigo, con máis de 300.000 habitantes, estariamos falando arredor de 3.000 persoas afectadas, cunha proporción home muller de 4:1 Por que? Ás mulleres permitiríaselles alteracións propias do TEA cualificándoas como raras, e sen darlles os apoios que precisan. Mulleres coa síndrome de Asperger téñenme comentado que se senten dobremente marxinadas, por ser mulleres e ademais con autismo. Moitas persoas adultas acoden aos servizos de diagnóstico porque precisan saber si son ou teñen autismo.
Unha das demandas recorrentes que nos transmiten as familias das persoas con TEA está sempre relacionada co -factor clave-, do por que a súa filla/o presenta este trastorno. É algo xenético, ambiental ou é a combinación de ámbolos dous? As respostas, obviamente, teñen que ser diferentes e adaptadas a cada caso.
En relación a este tema, das posibles causas dos autismos publicamos en FARO DE VIGO (23-09-2025) a polémica xurdida nos Estados Unidos a través da seguinte noticia: «Trump relaciona o uso de paracetamol (fármaco analxésico e antipirético) co autismo en contra da evidencia científica» E continúa:_«As autoridades dos EE UU desaconsellan tomalo durante o embarazo, e no seu lugar recomendan unha forma de ácido fólico».
Nunha anterior noticia datada en Washington, do 23-04-2025, aparecía unha vez mais unha polémica arredor do TEA, a través dunhas manifestacións do secretario de Saúde, Robert F. Kennedy, promovendo -sen evidencia científica- que «o autismo non é xenético e ten cura», e aínda axuntaba «que unha toxina ambiental provocaría unha epidemia de autismo, prognosticando que descubriría a causa do autismo antes de rematar o ano 2025 co obxectivo de erradicala». O tempo pasado non lles deu a razón.
*Cipriano Luis Jiménez Casas é director xeral de Fundación Menela e membro do Instituto de Estudios Vigueses
Suscríbete para seguir leyendo
